Wednesday 24 de April de 2024

Os Socialistas de Oroso elixen por aclamación a Luís Rey Villaverde como candidato á Alcaldía en substitución de Manuel Mirás


Mirás: “é unha persoa de diálogo e cunha gran capacidade de traballo”

A Asemblea da Agrupación Socialista de Oroso reunida hoxe en Sigüeiro elixiu por aclamación a Luís Rey Villaverde como candidato á Alcaldía de Oroso en substitución de Manuel Mirás, quen anunciara recentemente a súa decisión de abandonar a política local despois de 38 anos. A votación dos afiliados socialistas finalmente non foi precisa, toda vez que a única candidatura presentada foi a liderada por Luís Rey.

O candidato electo agradeceu a confianza da Asemblea, porque “imos precisar da vosa axuda e da colaboración de todos e todas neste proxecto ilusionante. Non veño a substituír a Manolo, non son iluso. Veño coa intención de seguir cun proxecto que iniciamos anos atrás e que levaremos adiante para que os veciños e as veciñas sintan orgullo deste pobo”.

Un emocionado Luís Rey dixo que “hoxe é un día de sentimentos encontrados. Por unha banda, a honra de suceder a un alcalde referente en Galicia, pero tamén a tristura de ver que el se vai. Hoxe o que vos podo prometer é que lle vou a poñer todas as gañas, toda a paixón e toda a ilusión”, concluíu.

Luís Rey Villaverde (1965) está casado e ten un fillo e unha filla. Estivo 14 anos como responsable de acción sindical da Federación Agroalimentaria. A partir do ano 2005, creou a Escola Deportiva Xuventude Oroso, onde implantou un sistema de traballo que a levou a converterse nunha das canteiras referentes a nivel nacional. Vencellado dende hai máis de 20 anos á Agrupación Socialista de Oroso, onde actualmente ocupa a secretaría de Política Municipal e Acción Electoral, foi o Secretario Xeral que recuperou a Manuel Mirás para o partido.

Comezou a súa andaina como concelleiro á fronte das áreas de Cultura e Deportes, se ben nesta lexislatura asumiu as áreas de Urbanismo, Obras, Servizos e Medio Ambiente.

Apoio do alcalde saínte

Pola súa banda, Manuel Mirás destaca que “para min, Luís é unha persoa de diálogo e con gran capacidade de traballo. Ten no seu haber a súa experiencia en distintos departamentos do Concello e tamén foi o creador da Escola Xuventude Oroso, un modelo de escola deportiva referente en Galicia”. Por iso, Mirás Franqueira está convencido de que “o Concello de Oroso queda en moi boas mans”.

Neste sentido, o aínda alcalde de Oroso sinala que Luís Rey “é unha persoa preparada para Gobernar, como xa demostrou por todas a concellerías polas que foi pasando: Cultura, Deportes, Relacións Veciñais… ata chegar á actual, na que se fixo cargo de concellerías tan importantes como as de Urbanismo, Obras e Medio Ambiente, onde ten demostrado o seu gran coñecemento deste Concello. Estou convencido de que os veciños e veciñas de Oroso poden estar tranquilos porque á fronte deste Concello quedará unha persoa que vai continuar o incluso mellorar a xestión que viñamos realizando ata o de agora”.

Elección

O nomeamento de Luís Rey Villaverde como alcalde de Oroso terá que ser refrendada pola maioría do Pleno Municipal. Así, o próximo luns 10 de maio terá lugar a renuncia de Manuel Mirás ao posto de alcalde, quedando, pois, como alcaldesa en funcións a concelleira Vanesa Boo.

Entre os días 24 e 25 de maio, convocarase o pleno de investidura, no que cada un dos grupos municipais pode presentar o seu candidato ou candidata á Alcaldía de Oroso. O que xa se sabe dende hoxe é que o grupo municipal socialista proporá a candidatura de Luís Rey Villaverde.